| |
Obxectivo: Desenvolver métodos e contextos eficaces de ensino e aprendizaxe para a aprendizaxe continua ao longo e ancho da vida A medida que nos internamos na éra do coñecemento, van cambiando os nosos conceptos do que é a aprendizaxe, de onde e como se realiza e para que serve. Confiamos en que os métodos e contextos didácticos recoñezan e reflictan unha gama cada vez máis diversificada de intereses, necesidades e expectativas, non só de individuos, senón de grupos de intereses específicos en sociedades europeas multiculturais. Isto implica un xiro drástico cara a sistemas didácticos centrados no usuario, con fronteiras permeables entre sectores e niveis. Para que os individuos poidan aprender activamente é preciso mellorar as prácticas actuais e desenvolver enfoques novos e variados que aproveiten as oportunidades que ofrecen as TIC e todo o catálogo de contextos didácticos. A calidade da experiencia en aprendizaxe e dos resultados é o factor crucial, tamén desde o punto de vista das persoas que aprenden. Pero mal poderán verificarse os cambios e as innovacións sen o compromiso activo de profesionais nese terreo, que son os máis próximos ao cidadán como suxeito que aprende e están máis familiarizados coa diversidade de necesidades e procesos didácticos. As tecnoloxías de aprendizaxe baseadas nas TIC ofrecen un enorme potencial para a innovación en métodos de ensino e aprendizaxe, aínda que os profesionais da pedagoxía insisten en que, para ser totalmente eficaces, deben inscribirse en contextos e relacións entre profesores e alumnos «en tempo real». Os novos métodos tamén deben ter en conta a evolución dos papeis de profesores e mestres que están separados dos seus alumnos polo tempo e a distancia. Ademais, a maioría das prestacións dos nosos sistemas de educación e formación seguen estando organizadas e sendo ensinadas coma se os modos tradicionais de planificar e organizar as nosas vidas non cambiasen desde fai polo menos medio século. Os sistemas de aprendizaxe deben adaptarse ao xeito en que a xente, agora, vive e organiza a súa existencia. Isto é especialmente importante á hora de lograr a igualdade entre homes e mulleres e de canalizar unha poboación da terceira idade cada vez máis activa. Aínda sabemos e compartimos demasiado pouco, por exemplo, sobre como xerar unha aprendizaxe autónoma produtivo, tendo presente ao mesmo tempo que aprender é, en última instancia, un proceso social; sobre o mellor xeito de aprender para as persoas de idade avanzada; sobre como axustar os ambientes de aprendizaxe para permitir a integración das persoas con discapacidade; ou sobre o beneficio que se pode lograr con grupos formados por persoas de distintas idades para o desenvolvemento de aptitudes cognitivas, prácticas e sociais.
Memorándum sobre a aprendizaxe permanente
COMISIÓN DAS COMUNIDADES EUROPEAS
Bruselas, 30.10.2000
|
|